Doctrina y Citas
Día 6º
“Estiven na cadea
e viñéstesme ver” (Mt 25, 34-36)
O vencello da Igrexa co cárcere vai á súa mesma esencia e raíz. A Igrexa vive do seguimento dun convicto e condenado, de Xesús de Nazaret, sometido a unha xustiza que El mesmo revelou inicua. Os seus primeiros discípulos sufriron a persecución, a prisión, e a condena á morte. Pódese dicir sen reserva que a Igrexa naceu nos cárceres, e desde o seu mesmo nacemento tivo que atender ós seus presos. Xesús mesmo nas súas ensinanzas acordouse do drama dos presos, e alertou sobre as contradicións da xustiza humana: “Vós tende moito coidado, porque vos entregarán ós tribunais e mais ás sinagogas, zorregaranvos duro e hanvos levar ante reis e gobernadores pola miña causa; así daredes testemuño ante eles” (Mc 13, 9). Mesmo se identificou coa situación dos presos: “Vinde, benditos de meu Pai: recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven en coiro e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver” (Mt 25, 34-36). Esta sorprendente ensinanza evanxélica convertese nun mandato recibido pola Igrexa.