Doctrina y Citas
Día 15º
Necesitamos unha política de seguridade cidadá enmarcada no cadro máis amplo do desenvolvemento humano integral. Esta política soamente será atinada nas súas propostas e eficaz nos seus resultados se parte dun diagnóstico das múltiples causas da violencia. Non se pode esquecer que a delincuencia xuvenil ten a súa raíz no tremendo baleiro de familia, na falla de oportunidades de traballo e de educación, que leva a moitos xoves a adherirse a grupos e formas de vida que atentan contra a sociedade.” Barrio, J., No cárcere...
Á saída do Centro
de Teixeiro, xusto cando o vial de acceso enlaza coa nacional 634, un
graffiti déixanos a súa queixa amarga: “mientras quede un sólo
preso nadie será libre”. Deteñámonos un intre nesta mensaxe, que
non por utópica deixa de expresar a súa verdade. Cada preso, que
deixa detrás moitas vítimas, a frustración do seu propio proxecto
de vida, non deixa ó mesmo tempo de ser un fracaso do conxunto da
sociedade. Unha vez máis, a mellor medicina é a prevención. Na
maioría dos casos o cárcere é reflexo das contradicións das nosas
sociedades de benestar, coas súas eivas de desemprego e subemprego,
dos déficits de educación, da marxinalidade, da falla de
oportunidades para xoves ou inmigrantes, da violencia latente.
É necesario facérmonos esta pregunta: Podían ser as cousas doutro xeito? Sen dúbida como cristiáns debemos loitar contra a autosatisfación colectiva, contra a acomodación, e contra a invisibilización das realidades molestas. Por máis que o arredemos o problema non desaparece. E falando de Teixeiro non estamos empregando unha metáfora, pois nin sequera chega alí o transporte público polo que moitas familias teñen serias dificultades de desprazamento e sobrecargas económicas. E para os internos medran moito as dificultades en canto ás saídas nos permisos regulamentarios por motivos económicos e pola mingua de tempo ou mesmo pola imposibilidade de cumprir as condicións requiridas para o retorno.