Doctrina y Citas

Día 7º

“Desde as orixes do cristianismo, a Igrexa foi moi sensible á situación dos homes e mulleres privados de liberdade e ás condicións innegociables de respecto á súa dignidade en que debe desenvolverse a execución das sentencias penais.” Barrio, J., Carta Pastoral ós presos e presas de Teixeiro, outubro 2015.

A proclamación do Evanxeo resoa dunha forma única neste lugar no que sufre menoscabo a condición humana, nesta casa de miseria e degradación. A radicalidade da Encarnación converte en historia de salvación o último lugar onde desexaría encontrarse calquera ser humano, prestando realismo inaudito a esta predicación: Xesús tocou e viviu esta realidade humana, abrazou coa súa humanidade a condición do home caído, “descendeu ós infernos” e desa forma recuperou para a salvación ó ser humano en tódalas circunstancias de sufrimento. A esperanza evanxélica sabe que non hai lugar, nin tempo, que quede fóra da forza benfeitora de Deus: a súa presenza abre o camiño da promesa e da nova oportunidade, da graza e do perdón, da recuperación da imaxe de Deus e da dignidade transcendente de cada ser humano.


Last modified: Monday, 9 November 2020, 11:26 AM