Doctrina y Citas

Día 9

“Evanxelizar significa para a Igrexa levar a boa nova a todos os ambientes da humanidade e, co seu influxo, transformar desde dentro, renovar á mesma humanidade: <<Velaquí que fago novas todas as cousas>> (Ap 21, 5). Pero a verdade é que non hai humanidade nova se non hai, en primeiro lugar, homes novos, coa novidade do bautismo e da vida segundo o evanxeo. A finalidade da evanxelización é, por conseguinte, este cambio interior, e se houbese que resumilo nunha palabra o mellor sería dicir que a Igrexa evanxeliza cando, pola soa forza divina da mensaxe que proclama, trata de converter ao mesmo tempo a conciencia persoal e colectiva dos homes, a actividade na que eles están comprometidos, a súa vida e ambiente concretos.” Pablo VI, Evangelii nuntiandi, 1975, 18.

A Pastoral Penitenciaria debe superar o modelo redutivo da capelanía, que se centra na atención sacramental dentro do cárcere, cara a unha atención pastoral ampla, unha verdadeira evanxelización, desde unha perspectiva holística, que abrangue ó ser humano enteiro na súa unidade corporal e espiritual. Isto implica tamén á súa condición de ser social, atendendo ó seu contexto familiar, e á súa inserción dentro da sociedade da que nunca debeu saír.

Desta forma a Pastoral estrutúrase en torno a tres grandes dimensións que deben camiñar unidas: a área relixiosa, que atende á necesidade espiritual do ser humano, que promove a catequese, a atención celebrativa e sacramental da poboación reclusa; a área social, que complementa o labor dos servizos sociais, e as enormes lagoas e abandonos, a nivel laboral, familiar, de saúde ou de ensino, que sufre unha gran parte da poboación reclusa; e a área xurídica, dada a particular situación de dependencia dos presos da administración de xustiza, e da súa condición de privación dunha serie de dereitos e liberdades. Conxugando estas tres dimensións a Pastoral Penitenciaria intenta responder á necesidade de liberdade dos cativos, en toda a súa amplitude, e asumir a preocupación pola xustiza.


Last modified: Monday, 9 November 2020, 11:30 AM